lunes, 31 de agosto de 2009

la hipocresia ante todo

Partindo de que o ensino é un servizo e un dereito social fundamental, e que o seu acceso debera ser universal e gratuíto en todos os tramos educativos, resulta incomprensíbel a teimosía de seguir a manter con inxentes cantidades de recursos públicos negocios privados no eido do ensino, ou o que popularmente se coñece por colexios concertados.
Nestes centros, é moi frecuente, por non dicir maioritaria, a precariedade laboral do profesorado, as interpretacións sectarias da realidade, a negación de dereitos fundamentais do estudantado como o de folga ou reunión. O seu funcionamento, ao ser unha estrutura puramente empresarial, é completamente antidemocrático e verticalizado, convertendo ao profesorado en meros asalariados, ás nais e aos pais en clientes, e ao alumnado en receptor sen dereitos nin opinión. Os métodos pedagóxicos pivotan ás máis das veces nunha interpretación cuase totalitaria do auctor?tas docente, obviando a participación e inter-relación como elementos favorecedores da aprendizaxe, optando pola transmisión unidireccional de coñecementos e fuxindo de ensinar a pensar.
Pero alén desa valoración xeral, da que só cabe concluír que é necesario suprimir todos os concertos económicos coa privada e ampliar a oferta educativa pública (dotándoa de máis recursos), chama poderosamente a atención o indecente descaro do Partido Popular ao defender que se subvencione a centros privados que ademais de todo o anterior segregan as aulas por xéneros, ao puro estilo do franquismo. Rechamante resulta tamén que socialmente estes feitos non provoquen unha reacción máis airada, se cadra porque a cuestión afecta á igualdade entre xéneros, que pese a estar presuntamente asumida polo conxunto da sociedade, dista moito de estar completamente interiorizada como un principio irrenunciábel.
O asunto invoca cantidade de interrogantes. Cal é o valor pedagóxico da segregación por xénero? En que mellora a educación separando mozas de mozos? Que sucedería se no canto de segregar por xénero, se segregase por estrato social, por orientación sexual ou por confesión relixiosa? Que acontecería se as clases estivesen separadas por etnias e razas?
Non hai condición (neste caso a de clientes das/os nais/pais, nin a de empresa do colexio) que lexitime a vulneración de dereitos fundamentais como o de igualdade entre as persoas. En 1991 aboliuse a Lei de clasificación da poboación en función da raza, alicerce “legal” do apartheid sudafricano, porén, en pleno 2009 hai quen se atreve a defender o “dereito” (que dereito?) a segregar por xéneros as aulas. Quen dixo que as ideoloxías morreran? Aquí temos á dereita conservadora no seu esplendor máis reaccionario.
Se inadmisíbel é a segregación, intolerábel é que esta se financie a conta de fondos públicos, provenientes da achega impositiva de todas e de todos. Négome a que os meus impostos sirvan para viabilizar economicamente esa incomprensíbel fórmula de discriminación de xénero. Por iso só podo cualificar de vomitivas as declaracións de Núñez Feijóo defendendo os delirios neocon do empresariado do ensino.
E logo encheráselle a boca defendendo a igualdade entre mulleres e homes. ¡Hipócritas!

3 comentarios:

  1. estou abraiada...separar raparigos de raparigas... está claro que imos cara atrás en vez de avanzar...ains!!!

    ResponderEliminar
  2. Agradeceríache que fagas constar a autoría dese texto, así como o medio no que foi inicialmente publicado (Xornal de Galicia).

    Grazas.

    ResponderEliminar